Os días 7 e 8 de setembro, parte do equipo do GRICA-BIOpast desprazouse ao Macizo de Trevinca para continuar os traballos de investigación que o grupo desenvolve nos seus sistemas lacustres de montaña.
O día 7 de setembro realizamos por primeira vez unha campaña de mostraxe sedimentaria na Lagoa da Serpe, onde conseguimos recuperar con éxito cinco testemuños de sedimento. Esta nova mostraxe permitirá incorporar A Serpe aos estudos que desenvolvemos a partir dos rexistros sedimentarios das lagoas de montaña, que constitúen auténticos arquivos naturais da evolución ambiental e climática.
Ao día seguinte regresamos ó Lago de Ocelo, un dos sistemas nos que o GRICA leva xa varios anos traballando. Nesta ocasión o obxectivo foi continuar coa monitorización das condicións ambientais actuais do lago. Recolocamos dous dataloggers a 1 e 4 metros de profundidade, para seguir rexistrando luz e temperatura cada catro horas, permitindo obter series temporais continuas das condicións da columna da auga. Xa dispoñemos de datos de anos anteriores e, coa nova instalación, buscamos dar continuidade a este seguimento a longo prazo.
Na campaña participamos Uxía Fernández, Estela Domínguez, Armand Hernández e Laura Barral, no marco do proxecto de investigación REALCE, un dos proxectos que dirixe Armand no GRICA-BIOpast.
Contamos ademais coa valiosa axuda de Juanjo Lorenzo Veigas, responsable da empresa de ecoturismo e actividades de montaña Terras Altas de Trevinca, guía local de montaña e profundo coñecedor do territorio de Trevinca, que nos facilitou enormemente o acceso ao sistemas lacustres e ó desenvolvemento do traballo de campo.
Dous días intensos de traballo e, especialmente, un primeiro paso moi satisfactorio na Lagoa da Serpe, que se incorpora así aos sistemas de montaña estudados polo grupo.